A ausencia de incidentes graves marca o discurso da Folga Xeral do 29-M

Un momento da manifestación da Mariña con motivo da Folga Xeral do 29-M

A CIG valora positivamente o seguimento de folga, mentres que dende a Delegación do Goberno en Galicia destacan a normalidade da xornada, na que se cumpriron totalmente os servizos mínimos.

/ Enviado por redactor o Ven, 30/03/2012 - 13:23

A Confederación Intersindical Galega estima o seguimento da folga en Galicia entre un 80 e un 90 por cento, superando ao da anterior celebrada o 29 de setembro de 2010, e que cualifican como “mostra do rexeitamento á nova reforma laboral” por parte da clase traballadora galega.

Polo tanto, a CIG valora positivamente o seguimento da folga xeral ao paralizarse a actividade industrial, o transporte público ou a recollida de lixo a primeira hora da mañá. Ademais, preto de 200.000 persoas participaron nas manifestacións celebradas nas principais vilas e cidades galegas, que foron “as máis numerosas que se teñen feito en Galicia”, segundo explica Suso Seixo, secretario xeral da organización. O carácter histórico destas manifestacións foi confirmado polos secretarios comarcais. Así, por exemplo, en Lugo participaron 9 mil persoas na manifestación e en Foz, 2 mil.

Dende a CIG apuntan que os principais polígonos industriais amecían desertos e as empresas máis importantes rexistraban pouca actividade. Nese senso, os polígonos do Ceao e de Xove paralizaron a súa actividade e a quenda da noite e a da mañá de Alcoa, San Ciprián, non entrou a traballar. No transporte público indicaron que só funcionaron os servizos mínimos e a estación de autobuses non abriu.

Pola súa banda, a Delegación do Goberno en Galicia destaca a normalidade da xornada na que se cumpriron os servizos mínimos establecidos ao 100%, así como o funcionamento normal das principais infraestruturas viarias de Galicia. Así mesmo, cifran o seguimento na Administración Pública do Estado nun 19% e na Autonómica nun 35%. Noutros sectores como a sanidade pública a porcentaxe de seguimento foi dun 26%, mentres que na educación pública foi do 22%. Por outra banda, consideran discreto o seguimento nos sectores do transporte viario, a industria e o comercio.

Incidentes
Pola súa banda, a Delegación do Goberno en Galicia destaca a “madurez” da sociedade galega ante a folga xeral xa que non se produciron incidentes relevantes. Así garantiuse o dereito á folga, pero tamén o dereito a circular ou acudir ao posto de traballo. Os incidentes, que lograron controlarse, foron menores que na anterior folga xeral destacando a colocación de silicona e outros dispositivos nas pechaduras, as barricadas nas estradas, o bloqueo dos accesos aos polígonos industriais entre outros.

Neste senso, dende a CIG apuntan unha “desmesurada actuación dos corpos policiais”, a pesar da ausencia de incidentes graves.