Garabullos prepara dous campamentos na natureza para o mes de agosto

Trátase do tradicional "Campamento Revoltoso" dirixido a rapaces e rapazas de 5 a 12 anos e o novo "Amigo Animal" dirixido a rapaces e rapazas de 9 a 14.

/ Enviado por redactor o Lun, 19/06/2017 - 12:21

Un ano máis xuntaranse Garabullos recibirá a un grupo de xente nova con ganas de gozar do contacto coa natureza no Campamento Revoltoso que se desenvolverá entre o 20 e o 27 de agosto para nenos e nenas de entre 5 a 12 anos xunto con irmáns máis pequenos e pequenas ou maiores con diversidade funcional.

Nesta proposta estival que organiza a Asociación Revolta Natural no albergue de Sistallo (Cospeito) os e as participantes son os que deciden as actividades a realizar a través dunha asemblea diaria na que elevan as propostas segundo os intereses individuais e entre todos organizan a xornada para poder construír cabanas, descubrir rastros, elaborar doces con froitos silvestres, facer arte con pedras, ir a bañarse no río, coidar dos animais e da horta, etc. 

As dinamizadoras revoltosas supervisan que o ambiente familiar que se crea no campamento sexa respectuoso, tanto entre os participantes como coa contorna, e facilitan os recursos necesarios para garantir a seguridade nas actividades, realizando un acompañamento en positivo na intervención educativa.

Os e as participantes durmirán en liteiras no albergue e colaborarán coas tarefas domésticas, creando equipos heteroxéneos para aprender en comunidade. As familias poden seguir o día a día do campamento a través das redes sociais e comunicarse cos nenos e nenas a cotío coñecendo de primeira man as emocións dos e das participantes.

As prazas pódense reservar no teléfono 600 03 49 07.

Campamento Amigo Animal

A novidade deste ano é a organización doutro campamento centrado na vida en contacto permanente cos animais da granxa: o Campamento Amigo Animal. Este desenvolverase do 2 ao 14 de agosto con participantes de 9 a 14 anos que poderán mellorar as súas habilidades sociais e aprender a xestionar as emocións a través da relación directa e constante cos cabalos, as cabras, os cans, os coellos... 

Esta experiencia pretende que a aprendizaxe sexa inclusiva e que os participantes poidan aprender tamén da relación con outros mozos e mozas con diversidade funcional.

Os interesados e interesadas en participar poden reservar as súas prazas antes do 25 de xuño no teléfono 669 62 67 29 ou a través do enderezo electrónico amigoanimal2017@gmail.com.