A Granxa Gayoso Castro albergará a quinta edición do curso de xuíz de ACRUGA

IV Curso da Escola de Xuíces de Rubia Gallega. ACRUGA

O centro, onde se cría un rabaño de elite de exemplares de raza Rubia Gallega mediante un convenio asinado no 2007 entre a Deputación e ACRUGA, achegou sete novelas ao Concurso de Gando celebrado esta fin de semana na Fonsagrada e tamén achegará algún exemplar para o Certame que se celebrará o domingo 15 de setembro en Pedrafita.

/ Enviado por redactor o Lun, 09/09/2013 - 12:03

A Granxa Gayoso Castro será o escenario dun novo curso de xuíz da Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (ACRUGA) que se desenvolverá ao longo de tres sábados consecutivos a partir do 21 de setembro.

Este curso que chega á súa quinta edición formará a todos os interesados, tanto gandeiros, coma veterinarios, técnicos ou outras persoas que pertenzan ou non a asociación. A inscrición pode formalizarse ata o 17 de setembro por 100 euros. Para obter máis información poden chamar á oficina de ACRUGA nos teléfonos 982 22 60 38 ou 982 25 18 42 en horario de mañá.

XXVIII Concurso de Gando A Fonsagrada
ACRUGA adxudicou este sábado no Concurso de Gando da Fonsagrada as sete novelas preñadas procedentes da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo e na que se crian exemplares desta raza para promover a súa expansión e mellora dende o 2007, ano de sinatura dun convenio con ACRUGA.

Os exemplares, de entre 19 e 22 meses de idade, foron adxudicadas por un prezo medio de 1.900 euros despois de marcar un prezo de saída de 1.800 euros e chegar a venderse por 2.100 euros algunha das reses. Os compradores recibiron unha axuda de 200 euros por parte de Caixa Rural.

XXV Certame-Exposición de Gando Vacún de Pedradita
O vindeiro domingo 15 de setembro o XXV Certame-Exposición de Gando Vacún de Pedrafita tamén contará con exemplares da Granxa Gayoso Castro na poxa que se celebrará no recinto feiral a partir das doce do mediodía.

O Concello destina máis de 4.500 euros en premios para as mellores cabezas de gando, que serán entregados xunto cos correspondentes trofeos, tanto para os exemplares da raza Rubia Gallega coma para a Asturiana nunha xornada que contará con diversas actuacións musicais.