Medio Rural publica a relación definitiva de admitidos no curso de teleformación para a incorporación á empresa agraria

Finalmente serán 357 as mozas e mozos que poderán facer estes cursos, necesarios para acceder ás axudas de incorporación á actividade agraria, na modalidade telemática.

/ Enviado por redactor o Lun, 19/06/2017 - 13:22

A web da Consellería do Medio Rural vén de publicar a relación definitiva de admitidos no curso de teleformación para a incorporación á empresa agraria. Deste xeito, dáselle publicidade ao listado, unha vez rematado o prazo establecido para a presentación de reclamacións ou emendas.

En total serán 357 as as mozas e mozos que poderán facer estes cursos, necesarios para acceder ás axudas de incorporación á actividade agraria, na modalidade telemática. Os cursos teñen unha duración de 250 horas, estruturadas en varios módulos, e desenvolveranse nas vindeiras semanas.

Ademais desta opción da teleformación, a consellería ofrece cursos presenciais nos seus diferentes centros de ensino agrogandeiro. Unha vez realizados estes cursos, os aspirantes deberán superar os correspondentes á orientación produtiva solicitada, que vai desde o vacún de leite, carne, extensivo, etc.