Medio Rural reforza os distritos forestais coa entrega de tres motobombas con sede en Viveiro, Sarria e Castro de Rei

O Distrito X recibía unha motobomba con sede en Castro de Rei.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que “en Galicia temos un dos dispositivos antilumes máis potentes a nivel estatal”.

/ Enviado por redactor o Ven, 16/06/2017 - 15:41

A Consellería do Medio Rural reforza os distritos forestais da provincia coa entrega de tres novas motobombas que terán sede en Viveiro, Sarria e Castro de Rei.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que se trata de vehículos equipados cunha cisterna de 4.200 litros e cabina sinxela, con capacidade para dúas  persoas. Suman un custo de 625.000 euros.

Balseiro subliñou que “en Galicia temos dun dos dispositivos antilumes máis potentes a nivel estatal”. Ao respecto, afirmou que “durante o período de risco medio dispoñemos de preto de 3.000 persoas traballando no dispositivo, que chegará ás 7.000 en período alto, a partir do 1 de xullo”. Así mesmo, engadiu, “disporemos de arredor dunha trintena de medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado, e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, ademais de cisternas  e outros vehículos”.

O delegado  avanzou que en breve entregaranse novas motobombas aos concellos, co obxectivo de dotar “a todas as administracións que colaboran na prevención e loita contra os incendios forestais do material axeitado para un bo funcionamento de todo o operativo”. 

As tres motobombas que entrega a Consellería en Lugo forman parte dun contrato de 12 distribuídas a partes iguais nas catro provincias. Veñen a sumarse ás 43 xa entregadas ao longo do ano 2016 aos distintos distritos forestais galegos. O ano pasado tamén se cederon outros 14 vehículos a concellos.