O Concello de Outeiro de Rei celebra a XI Feira de Artesanía o 1 de xullo

A Feira de Artesanía pretende impulsar a artesanía e o turismo local.

Ademais de expositores de artesanía e alimentación, a programación da cita complétase con outras actividades coma exhibicións de esculturas con motoserra, exhibicións caninas, obradoiros, xogos tradicionais, concentración de coches, sorteos e concursos.

/ Enviado por redactor o Ven, 16/06/2017 - 14:48

Coincidindo coas festas patronais de Santa Isabel, Outeiro de Rei volve celebrar a Feira de Artesanía que chega o sábado 1 de xullo á súa undécima edición coa participación dun cento de expositores de artesanía e alimentación. Cerámica, cestería, artesanía da madeira, gancho e calceta, xoiaría, coiro, instrumentos de música tradicional, traxes rexionais, ferro, artesanía textil, xabóns naturais, bixutería, cantería, macramé, bolillos, manualidades ou antigüidades serán algúns dos produtos que se porán á venda na feira ata as nove do serán. Igualmente, tamén haberá produtos de panadería, cervexa artesá, embutidos, aceite, queixos, doces, cereixas, viños e licores, etc.

“Con esta feira preténdese impulsar e dar a coñecer o traballo do sector artesán permitindo paralelamente promocionar a artesanía local e a dinamización económica e turística do municipio”, segundo destacan dende o Concello.

Pero a programación completarase con demostracións de oficios tradicionais dos que o municipio conta con representación coma o luthier Xaneco Tubío ou a oleira Pepa de Bonxe á que se engadirán outros artesáns da olería de tradición de Galicia dende Sober e Niñodaguía, cestería, cantería, tallado de madeira, vidro ou representacións das asociación Bolboretas Fiandeiras e Corazóns Artesáns que realizarán exhibición de fiado de la e macramé e bolillos, respectivamente. 

Paralelamente, a partir das doce do mediodía están previstos varios obradoiros dirixidos a tódalas idades: barro, maquillaxe, atrapasonos, decoración de pisapapeis, xincana de xogos cooperativos e obradoiro de xogo tradicional –principalmente dirixidos a un público de entre 5 e 12 anos-, pero tamén se poderá realizar trepa e gozar dunha tirolesa no campo de Santa Isabel.

E, por segundo ano consecutivo, visitará a feira a unidade móbil rural “Presume de pueblo” que ofrecerá a posibilidade de participar nun photocall. E o Club 600 de Lugo ofrecerá unha concentración de coches no campo de Santa Isabel a partir da unha do mediodía. Arredor desa hora tamén, pero nas inmediacións do circuito deportivo, haberá a tradicional demostración de traballos forestais con motoserra da man de Enfrefor SC e exhibición de esculturas con motoserra con Marcos Marino.

Mercromina presentará un espectáculo de monicreques na praza do Concello a partir das seis menos cuarto da tarde. ‘Vacacións no mar’ é un espectáculo para toda a familia cheo de acción, emoción e interacción co público.

Máis tarde, ás seis e media, nas inmediacións da Capela de Santa Isabel haberá unha exhibición canina que inclúe exhibición de agility, de cans detectores de sustancias, algunha unidade canina de rescate de Padrón, etc.

Música

Tampouco faltará a música diante da Casa Consistorial coa Banda de Música Sons e Sonos dos Concellos de Begonte, Outeiro de Rei e Rábade, o grupo de gaitas da Asociación Cultural Penas de Rodas que ofrecerá un pasarrúas durante a inauguración da feira, pero tamén pola tarde nas rúas do centro, a rúa Manuel María e o Campo de Santa Isabel.

Carreira solidaria, viaxe turística, sorteo de premios e concursos

Paralelamente, celebraranse outras actividades nesta XI Feira de Artesanía de Outeiro de Rei.  De feito, será a III Carreira Solidaria do Concello de Outeiro de Rei, organizada pola Asociación Somos Unidos por el Cáncer, a que inaugure a feira. A súa saída está prevista para as dez e media da mañá. Os adultos terán que completar un percorrido de 6 quilómetros que remata no Campo de Santa Isabel, pero tamén haberá outras dúas probas diferenciadas para menores. Os interesados e interesadas poden inscribirse –por un prezo de 5 euros para os adultos- a través do portal www.championchipnorte.com

Un bus turístico das proximidades da Casa do Concello pola tarde para visitar o Campo da Feira e as Penas de Rodas en Gaioso, a igrexa de Robra e o Salto do Piago ata finalizar cunha visita á Casa-Museo Manuel María. 

As prazas son limitadas polo que é necesario inscribirse, de xeito gratuíto, o propio día da feira na caseta do Concello instalada nas inmediacións da Casa Consistorial.

E, coma nas pasadas edicións, sortearanse dez premios de 50 euros entre os clientes dos establecementos admitidos pola organización a través da entrega de rifas. O sorteo terá lugar ás nove e media do serán na caseta do Concello.

Precisamente o Concello, entidade organizadora da cita, pon en marcha este ano dúas novas iniciativas: un concurso de pintura ao aire libre e un concurso de fotografía en Instagram.