Récord de cotización na Subasta de xovencas de ACRUGA da Granxa Gayoso Castro

Durante a poxa celebrada este venres 19 de decembro en Castro, chegaron a pagar 2.850 euros por un xovenca preñada de oito meses.

/ Enviado por redactor o Sáb, 20/12/2014 - 00:51

A Asociación de Criadores de Raza Loura Galega (Acruga) pecha este 2014 cun récord de cotización, despois de que este venres chegasen a pagar en Castro ata 2.850 euros por unha xovenca preñada de oito meses que se presentou á poxa cun prezo de saída de 1.800 euros.

Este foi un dos bos resultados dunha poxa excelente en canto á participación e a cotizacións, xa que todas puxas -un total de 24- foron cubertas, superando amplamente os prezos de saída alcanzando unha media de 2.100 euros, lixeiramente superior aos 2.000 de media rexistrados no ano 2013.

Á poxa asistiu o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e os Deputados de Economía Rural e do Mar e de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Fernández e Alfredo Llano, respectivamente.

A presenza de preto dun centenar de persoas na granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, e as 36 tarxetas de posibles compradores prognosticaban unha poxa cando menos animada; aínda que os resultados conseguidos melloraron as mellores expectativas da directiva de Acruga ao conseguir un récord de cotización e, o máis importante, a adxudicación dos 24 animais presentados.

As Subastas estiveron bastante rifadas  e os compradores aguantaron as baixas temperaturas para facerse con algún dos exemplares. Gandeiros de practicamente todas as comarcas da provincia de Lugo, ademais dalgúns de Ourense e A Coruña, retiraron as súas tarxetas para poder poxar por algunha destas xovencas preñadas, procedentes do denominado rabaño de elite do centro de recría de Gayoso Castro, que finalmentes foron parar a gandeirías de Outeiro de Rei, Paradela, Láncara, Samos, Palas, Cervantes, Xermade e Portomarín, entre outros concellos lucenses, aínda que tamén houbo compradores de Curtis.

O Presidente de Acruga, César Dourado, mostrouse moi satisfeito cos resultados conseguidos explicando que "responden ao bo traballo realizado neste centro de recría. Son animais cunhas calidades excelentes desde o punto de vista xenético, productor, morfolóxico e reproductor. Os gandeiros valoran moito a calidade destas reses e os resultados de hoxe demóstrano".